Sunday 28 de April de 2024

Calvín recibe a Costas do Estado nun encontro con proxectos para San Adrián, Espasante, Loiba, A Senra ou Merouzos


• Máis aló da construción dunha senda peonil no antigo viveiro de ameixas, xa en marcha, o Concello tratou intervencións para o futuro e debateu sobre a localización das pistas de pádel

• “A colaboración entre institucións é fundamental, independentemente das cores políticas. Este goberno non queda parado e busca investimentos para Ortigueira en todos lados”, apunta o alcalde

O equipo de goberno dirixido por Valentín Calvín continúa co seu plan de traballo para captar investimentos en Ortigueira. Dentro desta planificación, a pasada semana o rexedor recibiu na Casa do concello a de Costas do Estado, encabezada polo xefe da Demarcación, Carlos Gil, e varios técnicos nun encontro na que se trataron proxectos para San Adrián, Espasante, Loiba, A Senra ou Merouzos.

Por unha banda, o Concello e Costas concretaron os pasos da construción dunha senda peonil no Antigo Viveo de Ameixas, en San Adrián. O proxecto xa está en marcha e concretará nesa zona un lugar para o esparexemento.
Máis aló desta formulación xa activa, o alcalde de Ortigueira tratou co xefe da Dermarcación e o persoal técnico propostas para actuar nas dunas de Espasante, para potenciar instalacións para a Confraría de Pescadoras de Loiba, o Muíño dás Mareas na Senra ou en Merouzos, construíndo senllas litorais.
Son todos eles proxectos embrionarios que o Concello puxo encima da mesa para coñecer a posibilidade de que vaian sendo desenvolvidos nos próximos anos, dentro do plan do actual executivo municipal de xerar novas instalacións e potenciar os recursos no municipio. “A colaboración entre institucións é fundamental, independentemente das cores políticas. Este goberno non queda parado e busca investimentos para Ortigueira en todos lados”, expón o alcalde, Valentín Calvín.

Outro dos temas tratados foi a localización das futuras pistas de pádel, un das prioridades que o goberno local ten neste mandato. Neste sentido, a Demarcación de Costas informou de que as parcelas da Preguiza, unha das posibles localizacións que manexa o Concello, non encaixan dentro da normativa para acoller esta instalación deportiva.

Esta negativa provoca que o proxecto das pistas siga enquistado, pero o Concello traballa en diferentes alternativas para que Ortigueira poida dispoñer dunhas instalacións de pádel que poidan acoller competicións de ámbito federativo.